A Nena e o Grilo camiño das cores é a cuarta e última entrega do exitoso musical de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos que conta con tres espectáculos previos: O País das Apertas, A Nena e o Grilo nun Barquiño e A Nena e o Grilo Máis Aló. O proxecto comezou en 2010 co álbum O país das Apertas e a creación de tres propostas escénicas que tiveron moi boa acollida entre o público familiar, enchendo salas e teatros de toda Galicia. En 2024, estréase A Nena e o Grilo camiño das cores, o cuarto espectáculos que pecha a saga.
Nesta ocasión, a Nena e o Grilo viven unha nova aventura chea de sorpresas. Os dous personaxes volven estar interpretados por Montse Piñón e Pepablo Patinho acompañados en escena por Jorge Casas. Os tres Ghazafelhos descubrirán o mundo desde a mirada dos nenos e as nenas e interactuarán cos músicos Magín Blanco e Pablo Vidal e tamén co público. Esta última produción consolida e expande os obxectivos cos que A Nena e o Grilo se iniciou hai dezaseis anos: contribuír a descubrir, valorar e pensar a amizade, o compañeirismo, os afectos, a diversidade e a igualdade.