De ida e volta naceu para non esquecer vidas como a de Dolores, quen levaba a morriña pegada á saia a modo de esperanza. Ou a de José, quen fuxía dunha guerra que non ía con el. Vidas que só parecen lonxanas para quen non ten memoria nin empatía. Este espectáculo de narración oral tamén busca, precisamente, evitar o esquecemento que nos condena a unha falta grave de humanidade. Poesía, música e cancións en directo da man de Amor Herrera para coñecer o noso pasado e soñar cun mellor presente e futuro.