E entón, un xardín é unha peza para público familiar da compañía Paporrubio escrita e dirixida por María Peinado, co actor Luchi Iglesias e coa música en vivo de Carlos Quintá. Unha comedia colorista e vitalista asentada no teatro de marionetas, na plasticidade do teatro de obxectos e na poética da imaxe.
Neste espectáculo o xardín convértese nun lugar de celebración e reivindicación. Os vexetais e animais son os protagonistas dunha historia estrafalaria na que a natureza esperta e reivinica os seus dereitos. Unha comedia disparatada ao servizo da imaxinación para espertar valores como a empatía, a responsabilidade e o respecto: a necesidade dun latir común co mundo natural.