A través do humor, a danza, a manipulación de obxectos e o teatro físico, Teatro Ó Cubo lanza a súa cuarta produción, marcada por unha nova estética e diálogo co público infantil e familiar. Unha peza que afonda nas metas e frustracións, nos propios retos, nos encontros e desencontros e nos medos que nos paralizan, poñendo en valor a amizade, o fracaso como parte do camiño e o respecto pola diversidade de cada quen. Unha viaxe pola vida mesma.
Dúas formas de ver o mundo. Dúas maneiras de chegar a un lugar. Dous xeitos de comportarse e un obxectivo común: chegar a Ningures. Rita e Denís, viaxeiras profesionais incansables, cruzan os seus camiños no misterioso limiar das portas de Ningures, lugar ansiado por todos os viaxeiros. Mais as portas agochan moitos segredos. Serán quen de atravesalas? Conseguirán o seu propósito? Superarán este reto?