Os contos de William Shakespeare é o novo espectáculo de Pedras de cartón logo de ter recibido o Premio Barroco Infantil por Quixote no Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro. Un espectáculo de pequeno formato que mestura a comedia, o teatro de obxectos e a narración oral.
Os contos de William Shakespeare fan un percorrido polas obras máis coñecidas do dramaturgo inglés, adaptadas para toda a familia e cunha linguaxe máis próxima. Deste xeito, abórdanse tres das pezas máis recoñecidas do autor: Romeo e Xulieta contada con teatro de obxectos, Otelo convertindo as personaxes da obra nunhas chamativas e coloridas letras; e Hamlet, contado en clave de comedia a partir dun peculiar xogo de cartas no que ninguén pode gañar.