Peza coreográfica para espazos non convencionais de 25 minutos de duración cun elenco de catro bailadoras e bailadores dirixida polo propio Fran Sieira. Un baile Ceibe é a adaptación coreográfica do espectáculo Ceibe en diúrno, sen iluminación nin escenografía, onde a compañía plasma a esencia das coreografías grupais máis representativas da obra.
Unha peza contemporánea reflexo do baile e a música tradicional que investiga a relación entre o xénero e a nosa tradición. Ceibe afonda en como o xénero está presente en diferentes ámbitos, incluíndo unha manifestación cultural tan importante como o baile tradicional. Ceibe trata de entender que é o xénero para nós como individuos, como colectivo e tamén como sociedade. Reflexiona sobre as categorías de xénero e os seus estereotipos impostos socialmente para establecer distancia coa normatividade e arrastrala cara as marxes para, desde aí, construir novas formas de entender o corpo e o movemento.