ARTELLANDO

Encontros culturais nos parques

ARTELLANDO é parte da programación das Festas do Apóstolo. Grazas a esta proposta en Compostela conseguíronse unhas festas descentralizadas, celebrándose máis alá do centro histórico da cidade e recuperando espazos que nos últimos anos non acollían ningún tipo de espectáculo. Inspirándose na organización de festas máis participativas e abertas propúxose unha programación na cal participaron máis de 130 artistas e coa que se inaugurou en Compostela un novo modelo de festas, máis creativas, inclusivas e para todo tipo de público.

Unha semana na que tanto barrios da cidade como o rural compostelán acollen espectáculos musicais, teatrais, circenses ou contacontos para todo tipo de público, con programación infantil, familiar e adulta, a través da que se reclamaba a cultura como espazo de convivencia popular, habitual e de ocio. 

En colaboración co sector cultural da cidade e contando con diferentes entidades e colectivos que traballan neste eido, ARTELLANDO supón unha programación dividida en cinco bloques que, ademais, contén tres grandes festas: a gala de Circompostela, a Romaría Cativa e o Baile Assalto.

ARTELLANDO supuxo a recuperación da Praza do Toural para as Festas do Apóstolo; a inclusión da Praza Roxa, de Belvís, Bonaval, o Parque Granell e os centros socioculturais do municipio como espazos do Apóstolo; a recuperación das sesións vermú nas festas; e a estrea de numerosos recunchos na cidade que non acollían programación cultural.

 

Máis de 4.000 persoas pasan pola Romaría Cativa cada ano, no que é o primeiro gran festival infantil galego que se organiza nunhas festas do Apóstolo.

 

Pin It on Pinterest

Comparte