BONECOS DO ATLÁNTICO

A recuperación dos xigantes e cabezudos para a festa

BONECOS DO ATLÁNTICO naceu co fin de recuperar e poñer en valor a tradición dos xigantes e cabezudos, documentados en Galicia dende o século XVII, e que aínda perviven en máis de medio cento de localidades. De feito, case todas as cidades e vilas galegas tiveron ou teñen xigantes e cabezudos, aínda que en moitas se perdeu a tradición ou desapareceu o costume de sacalos nas festas. Esta proposta de Urdime supón un encontro entre Galicia e Portugal. Con ela logrouse recuperar e poñer en valor esta fermosa tradición, devolvendo os bonecos á festa e á xente.

Para o desenvolvemento deste proxecto tívose en conta o feito de que os monicreques, xigantes e cabezudos constitúen un dos máis relevantes complexos folclóricos e culturais no mundo. Estendidos polos cinco continentes, forman parte da memoria histórica e cultural nas festas e romarías, sendo a súa recuperación un valor importante. Os bonecos, como se lle adoitaba chamar a este xénero escénico de forma xeralizada, estiveron moi presentes nos festexos galegos, formando parte obrigada das programacións e dos enredos e entretementos dos cativos e maiores. Non obstante, co paso do tempo foron ficando no esquecemento ou na memoria comunitaria até desaparecer en moitas vilas por mor doutras atraccións que os viñeron substituír. 

Pin It on Pinterest

Comparte