BUTACAZERO + INHERENTE TEATRO

BUTACAZERO + INHERENTE TEATRO

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, asentados na cidade de Vigo, que propoñen un teatro que dialoga directamente co mundo actual: un teatro necesario. ButacaZero deuse a coñecer no ano 2016 na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia con Voaxa e Carmín, peza que inicia unha triloxía sobre a memoria, neste caso histórica, ao levar a escena a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, as coñecidas Marías de Santiago de Compostela. No 2018 estrean #camiños en Coprodución co CDG. No ano 2019 levan a escena Despois das ondas, de Ernesto Is, Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais, na que se afonda na vida de María Casares. Trala parada provocado pola Covid, deciden embarcarse nunha pequena coprodución con outra compañía Viguesa: Inherente Teatro, para facer unha pequena homenaxe ás persoas maiores co espectáculo Velliñas. Xa no 2021 levarán a escena a súa produción 32m2, que precisamente reflexiona en escena sobre o confinamento vivido no 2020.

Inherente Teatro nace no ano 2015 co profundo anhelo de comunicar -dende un punto de vista persoal- a súa visión do xénero dentro do noso ecosistema político-social, na procura dun empoderamento da muller que consiga derrubar os canons actuais de beleza amosando unha muller segura de si mesma . Pía Nicoletti, Noelia Blanco e Noa Covelo, fundadoras en integrantes de Inherente Teatro, coñecéronse na ESAD de Galicia, onde decidiron xuntarse para seguir creando xuntas. Especializadas no teatro xestual as súas propostas adoitan ter como principal ferramenta interpretativa a corporalidade.
Inherente Teatro un teatro de creación propia e investigación, e sempre cun marcado carácter feminista e perspectiva de xénero. E con respecto ás formas, habitualmente propón un teatro performativo, de corte contemporáneo ou posdramático. A pesar do cal, deciden agora embarcarse agora neste proxecto de corte máis convencional para experimentar a máscara larvaria como modo de comunicación, volvendo á sinxeleza das emocións do teatro máis auténtico. Coas súas pezas xa estiveron no FETEGA, na Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e no II Encuentro Mulleres Creando do FITO de Ourense e no Festival 85C.

ESPECTÁCULOS

Pin It on Pinterest

Comparte