ESPAZO DE XOGO LIBRE
Instalación de xogos | 1/2 xornada ou completa | TP
Esta nova proposta quere ofrecer ás nenas e nenos un espazo de xogo diferente, permitíndolles desenvolver as súas capacidades imaxinativas, sociais e psicomotoras á vez que se divirten xogando. Este espazo conta con numerosos xogos de construción para todas as idades. Con eles poden dende crear casiñas ata elaborar as máis fascinantes e xigantescas estruturas empregando sinxelas peciñas de madeira. Deste xeito, as nenas e nenos divírtense á vez que traballan o desenvolvemento motor, cognitivo e social. O espazo conta ademais con unha biblioteca de contos e unha titiriteca onde poden crear a súa propia función. Na casiña dos contos atoparán libros das editoriais Kalandraka, OQO, Galaxia e Embora para regalar historias aos nenos e nenas de todas as idades que despois poden poñer en práctica no teatriño.
Ata os máis cativos desenvolven a súa psicomotricidade por medio de xogos tradicionais elaborados con materiais ecolóxicos cheos de texturas e cores fascinantes. Os xogos que se reúnen neste espazo permiten tanto o xogo autónomo como a participación e o disfrute de toda a familia, propiciando unha xornada máxica tamén para os grandes.
A instalación de xogos componse de:
-Kapla: Xogo de construción con pezas de madeira.
-Trigonos: Xogo educativo de construción composto por pezas de tea e madeira.
-Xogos de construción e psicomotricidade para bebés.
-Unha bibloteca.
-Un teatriño de monicreques.
-Xogos modulares de madeira.