FRAN SIEIRA

FRAN SIEIRA

Fran Sieira Compañía de Danza foi creada coa finalidade de pór en valor o folclore galego como ferramenta base sobre a que traballar. Trátase, polo tanto, de desenvolver novos proxectos artísticos, con boa acollida entre o público, que devolvan á sociedade da que nacen aquilo que esta colectividade lles inspirou. O obxectivo principal é a través do estudo do movemento do baile galego e da música tradicional dende a súa raíz máis pura, utilizar o folclore como principal mecanismo de expresión.

A compañía nace no ano 2017 pola inquedanza do bailador de danza tradicional galega Fran Sieira de dar un paso máis na súa carreira artística, despois de 15 anos impartindo clases de baile e música tradicional en recoñecidas agrupacións da nosa comunidade e moitos quilómetros percorrendo aldeas en busca de novos pasos e melodías transmitidas por informantes de avanzada idade. Ademais, tamén conta cunha ampla experiencia como bailador en compañías profesionais galegas como GS21, Quique Peón e Cía e Nova Galega de Danza.

Pin It on Pinterest

Comparte