SORAYA LEMA

Soraya Lema é actriz e contadora de historias.

Entre o ano 2010 e o 2013 cursa os seus estudos de interpretación na “Escola de Teatro Santart” en Santiago de Compostela, realizando ao tempo obradoiros de teatro con Roberto Salgueiro na USC e participando en talleres de creación teatral con Santiago Cortegoso. Neses anos estrea Nataxa Retrankosky, unha obra de teatro cabaret, xunto a Olga Abad.

No ano 2013, despois de realizar un taller de clown con Norman Taylor, namorada da súa pedagoxía, forma de comunicar e do teatro xestual, viaxa a Bruxelas para formarse na pedagoxía de Jacques Lecoq na “École Internationale de Théâtre Lassaad” con excelentes mestres como Lassaâd Saïdi. Alí, xunto a Elise Perrin, crea a peza de teatro sen palabras Ex aequo, estreada en Neuchâtel, Suíza.

Despois dunha breve estadía en Madrid, onde realiza a performance La perra llorona de Anna Jonsson, co gallo do “Día do libro”, ou participando en La cadena humana con La Fura dels Vals, decide regresar a Vimianzo, a súa vila natal. Aquí intervén en diferentes festivais culturais como a dirección de teatro do “Asalto ao Castelo”. No ano 2016 recibe a Bolsa de Estudos Artísticos da Deputación da Coruña para especializarse en clown e viaxa a Francia co fin de estudar con Philippe Gaulier e a Menorca, con Eric de Bont.

No ano 2019 escribe e interpreta Aldara na montaña, a súa primeira produción en solitario.

ESPECTÁCULOS

Pin It on Pinterest

Comparte