ZËNZAR

Zënzar, a banda decana do rock en galego, abre o 2021 coa presentación do novo traballo titulado “Benvidas ó futuro”, contando con Roi Gil como técnico de son e produtor na última década e conseguindo así o son máis persoal e tamén o máis próximo ao directo da historia da banda. Laura Romero ao baixo e ao deseño, ilustradora que levou nos Martín Códax organizados por Músic@s ao Vivo o premio polo seu proxecto “Músicas Galegas Ilustradas”. Bocixa á voz, realizador audiovisual e vídeo xornalista. Pakolas, ídolo do público infantil tamén en proxectos coma “A Gramola Gominola”. Mario, loitador programando música ao vivo e Manolo, peza vital na xestión da banda crean o núcleo vital do grupo. Unha traxectoria de 32 anos ininterrompidamente, 10 traballos editados, centos de concertos, e que mesmo foron homenaxeados con “Vai polos padriños” no 2013,  un disco con versións das súas cancións feitas con agarimo por 19 bandas galegas e que os convirte nos padriños do rock en galego, pola súa influencia na cadea que foi trenzando un rexurdir da música contemporánea no noso idioma.  Nas colaboracións da súa discografía descubríronnos a unha descoñecida Sés, e aparecen nomes coma Vituco Neira ou Xan Pericán (Ruxe Ruxe), Mou (DKTC), Mario (Túzaros), Martín (Machina) e nos seus concertos son habituais Xenderal á voz ou  Xosé Manuel Ares (Os do Xalo) á gaita, o que fai unha idea da súa variedade de influencias e tamén esa ansia de crear comunidade e tribo,  como di o título dun dos seus discos.

Pin It on Pinterest

Comparte