FRAN SIEIRA COMPAÑÍA DE DANZA fundamenta o seu traballo nunha revisión do folclore galego dende un marco contemporáneo. A compañía estuda o movemento a través do baile tradicional galego e utilízao como o seu principal mecanismo de expresión, creando unha linguaxe do movemento de vangarda como reflexo da nosa tradición. A través da creación colectiva achega proxectos artísticos con vocación social e con moi boa acollida entre o público. Desde as marxes, a compañía crea espectáculos que teñen a vontade de xerar conciencia social e devolverlle á sociedade aquilo no que se inspirou.
A compañía fundouse no ano 2017 pola inquedanza do bailador Francisco Sieira González de dar un paso máis na súa carreira artística, despois de 15 anos impartindo clases de baile e música tradicional en recoñecidas agrupacións dentro da nosa comunidade; e bailando en compañías galegas profesionais como GS21 (2007), Quique Peón e Cía(2011- 2012) e Nova Galega de Danza (2016-2018).