Unha peza unipersoal de Berrobanbán que reivindicar a condición de xornalista radiofónica de Begoña Caamaño abordando temas fundamentais na súa obra como a igualdade entre homes e mulleres, a solidariedade e implicación cos problemas dos sectores sociais máis desfavorecidos e a importancia da liberdade de expresión no xornalismo. Na peza, unha xornalista recibe en herdanza un caderno dunha amiga íntima de Begoña Caamaño e decide realizar a gravación dun podcast en directo para expoñer algunhas das facetas menos coñecidas da escritora.
"Begoña e África coñecéronse na facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela un 8 de marzo do ano 1997. Foi na asemblea de constitución da asociación Mulleres Galegas na Comunicación. África volvera de Madrid había pouco. 'Vinme a min mesma a través dos ollos de Bego, a vontade de loita dos meus tempos de antes' . Así describiu o encontro no seu diario. África morreu hai uns días. Este caderno é das poucas cousas que conservo dela. Quero falar de Begoña Caamaño porque son xornalista e porque é a persoa que máis aparece nas liñas que escribiu África, a muller que me confiou as súas lembranzas."
Este é o punto de partida de Begoña Caamaño: o transgredir das ondas, unha peza de teatro protagonizada por unha xornalista que recibe en herdanza un caderno dunha amiga íntima de Begoña Caamaño e que decide realizar a gravación dun podcast en directo para expoñer algunhas das facetas menos coñecidas da escritora. A partir da relación entre as anotacións no diario e os diferentes momentos da vida profesional de Begoña, vaise reconstruíndo ante o público a traxectoria dunha creadora excepcional, implicada co feminismo e cos diversos movementos sociais nos que participou. Porén, durante a gravación deste podcast aparecerán diversos problemas técnicos que transformarán as ideas iniciais da xornalista e influirán de forma decisiva no seu relato, como se o propio espírito de Begoña quixese puntualizar algunhas das pasaxes narradas e, ao igual que as protagonistas das súas novelas, ser dona da súa historia.