Nunha residencia da terceira idade traen de volta á Berenguela, una anciá que aproveita para fuxir en canto pode. Quere volver á súa casa na aldea, onde sempre viviu, onde é feliz. Berenguela protesta, rosma, funga, ata que a súa amiga Aurora consegue acougala. Aurora é outra anciá prisioneira, unha anciá que non lembra ben quen é, así que pode ser o que ela queira. Na mesma residencia está Tomás, que pasa o día mirando pola xanela, cismando nas súas cousas, triste e gris. Representando 'Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela', de Manuel María, as tres anciás atoparán a liberdade que cren perdida e a posibilidade de cambiar o mundo.
Berenguela na gaiola é unha divertida e emotiva proposta para público familiar; unha coprodución de Galeatro e Xarope Tulú co Centro Dramático Galego e o Festival Internacional de Teatro de Carballo (FIOT) con dramaturxia e dirección de Paula Carballeira. A peza foi gañadora do IV Certame Manuel María de Proxectos Teatrais en 2025.