Cris de Caldas ofrece contos para o público infantil e familiar. Historias sobre igualdade, sobre o valor da diferenza, sobre o amor pola natureza...
Contos en lila. Das caixas máxicas dos contos saen carapuchiñas que non saben o seu conto, dragóns que parecen galos de curral, traballadoras en folga, princesas de pernas tortas e un neno que chora e provoca unha revolución. Precisamos un mundo que siga a ser azul pero cunha visión lila. Un mundo mellor, máis igualitario e xusto. Con princesas valentes, nenos con dereito a chorar e mulleres donas das súas decisións.
A revolución estrafalaria. A bibliotecaria máis estrafalaria da galaxia fartouse das etiquetas, sobre todo das que non son de biblioteca. Decidida a cambiar as cousas, chama a algúns dos seus colegas máis queridos: un elefante diferente, un neno bailarín e unha galiña azul. Cada un deles chama a outros e, en moi pouco tempo, son centos os personaxes de conto indignados polas características que alguén imaxinara para eles. Que poden facer agora? Candelaria e compañía, empregarán todos os seus recursos —contos, humor, música, e mesmo un chisco de maxia— para lembrarnos que as diferenzas tamén teñen moito que contar
Menú máxico de contos. Se hai maxia nos contos e os contos alimentan, por que non elaborar un menú máxico de contos? Un menú saudable, equilibrado e repectuoso, aínda que non aseguramos a presenza dun lobo vexetariano. Ofrecemos un menú para saciar a fame de conto que cada quen ten ao seu gusto: fame de conto tradicional, de humor ou de emocionar.
Contos de Nadal. E se xuntamos a maxia dos contos e do Nadal? Pois teremos uns contos mesturados e divertidos, onde nada é o que parece, nin nada parece o que é. Contos formulados para ser aplicados en calquera época do anos, especialmente no Nadal ou cando se precise un extra de ilusión.