Nova proposta de narración oral e obxectos coa que Pablísimos celebra 25 anos enriba dos escenarios!
Achéguense ao Gabinete Mirabilia! Aquí poderán apreciar pezas moi peculiares, rarezas, abraios e as máis incribles curiosidades! Marabíllense coa fauna imposible e as criaturas máis extravagantes da natureza! Contemple pequenas obras de arte e escoite misterios inexplicables. Nesta fantástica colección cada obxecto ten a súa historia... ou cada historia ten o seu obxecto? Gabinete Mirabilia é un espectáculo inspirado nos cuartos das marabillas ou gabinetes de curiosidades onde se coleccionaban obxectos encantados e misteriosos, aparellos científicos, antigüidades e todo tipo de prodixios.