O poder de Amabel está inspirada na novela infantil de Érica Esmoris, editada por Sushi Books. A autora foi galardoada co premio “Merlín 2015” por Nena e o mar. Todos os membros da familia de Amabel teñen superpoderes: unha forza descomunal, a velocidade do raio, unha intelixencia abraiante e incluso a capacidade de facerse invisible. Pero Amabel ainda non sabe cal é a súa actividade extraordinaria. Para descubrilo embarcarase co seu amigo Braulio en aventuras moi peculiares. Amabel e Braulio, dous amigos que non se ven dende a escola, reencóntranse anos máis tarde en Tokio. Alí recordarán un especial Outono que viviron xuntos no 82, un dos seus primeiros recordos de nenos; eses aos que debemos volver para sentirnos na nosa verdadeira patria: a infancia. O poder de Amabel fala sobre o amor incondicional á familia, o poder da amizade e, sobre todo, a aceptación dun mesmo.