RECITAL POÉTICO E MÚSICA  /  PÚBLICO ADULTO  /  75 MIN

Os nomes íntimos é un proxecto de Lucía Aldao e Samuel Merino onde conflúen a palabra, a música e a intimidade para falar en voz alta das cousas que importan.
Os nomes íntimos son aqueles que nos interpelan e que, por veces, portamos involuntariamente e en silencio. Nomes que, non sendo nós, condicionaron tantas veces o noso espazo e o noso tempo vital, facéndonos demasiado visibles e, por contra, case transparentes.

Os seus nomes propios son Lucía Aldao e Samuel Merino

Lucía Aldao é unha poeta e música da Coruña que leva máis de media vida recitando e cantando nos escenarios máis variados. Poesía escénica para todos os públicos, música, humor   e animación cultural son as súas principais ocupacións profesionais. Lidera a banda PAVA, coa que obtivo en 2024 o Premio Martín Códax ao mellor proxecto de pop/indie.

Samuel Merino é un creador multidisciplinar de Mos (Pontevedra) que desenvolve o seu labor arredor dunha poética que leveda na súa formación filosófica e a súa experiencia no eido das artes escénicas.

Os seus nomes íntimos quedan gardados para os espazos de intimidade e confort que se irán creando