Ubasute é un termo xaponés que significa literalmente “abandono dunha anciá” e que se refire ao presunto costume de deixar nunha montaña ou nun lugar afastado a un parente vello ou enfermo. Existen referencias dese costume na tradición oral de numerosas culturas, pero ningunha proba.
Ubasute é o máis recente texto da dramaturga galega Paula Carballeira logo do seu recoñecemento co Premio Nacional de Literatura Dramática no ano 2023. Publicado pola Editorial Galaxia gañou o Premio Follas Novas do Libro Galego 2025 na categoría de teatro e, a prestixiosa Revista Babelia recoñeceuno como un dos 5 mellores textos editados en galego en 2024.
Ubasute é unha peza de aparencia simple máis de difícil clasificación que conxuga xéneros e abre enigmas para colocar o foco de atención na reflexión ao redor do abandono. De forma sutil e lúdica, Paula Carballeira toca temas de profunda gravidade a través dun xoguete escénico livián que brinda a posibilidade de emprender múltiples viaxes: a de acompañar o tránsito de cada personaxe e a de emprender unha viaxe interior na que cada espectadora poida recoñecerse mentres se abandona ao que queda implícito entre liñas.