Galeatro nace en 2015 en Carballo da man de Alba Bermúdez e Tone Martínez. Especializada no público familiar, a súa liña de traballo esténdese desde a formación artística ata a produción de espectáculos de pequeno e gran formato.
En 2022, Galeatro estreou o seu primeiro espectáculo para público adulto en coprodución co Centro Dramático Galego “Arte sen Guión”, unha comedia inconsciente que especula sobre como podería ser o teatro medieval en lingua galega.
No campo da formación, Galeatro está presente en escolas de teatro de Bergondo, Carballo, Malpica, Oleiros, Oroso, Sada e Ordes. Conta con máis de 200 alumnos e alumnas que grazas a estas actividades xa forman parte, dalgunha maneira, do sistema teatral galego.
Galeatro naceu coa vontade de promover a creación escénica contemporánea en lingua galega, contando para iso con dramaturgas galegas vivas. Mostra disto son os seus espectáculos de sala Muiñada, Carabela e Wombo Combo, escritos por Ana Carreira o primeiro e Paula Carballeira os dous últimos. En outono teñen previsto estrear o seu próximo espectáculo, Berenguela na gaiola, unha coprodución con Xarope Tulú escrita e dirixida por Paula Carballeira gañadora da cuarta edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais.