Teatro Ghazafelhos naceu en Ferrolterra no 2005 da man de Montse Piñón e Pepablo Patinho, aos que se uniu máis tarde Jorge Casas. A compañía especialízase en teatro familiar, combinando humor, música, monicreques e teatro actoral para crear historias que convidan a rir, emocionarse e reflexionar.
Inspirados por autores como Ende, Saint-Exupéry ou Chaplin, abordan temas como a igualdade, a convivencia, a ciencia ou a tradición oral, sempre coa infancia como punto de partida. Con máis de dúas décadas de traxectoria, Ghazafelhos é hoxe un referente do teatro galego para todos os públicos, unha compañía consolidada que nos sorprende con cada nova das súas producións.
No seu repertorio destacan obras como Rubicundo, Frankenstein, Nana para un Soldado, Bon Appetit, Iriña Bailariña, As pitas baixo a choiva... Os últimos anos destacan montaxes como A nena e o grilo nun barquiño, o musical xunto a Magín Blanco e Pablo Vidal; Ninja, unha peza que aborda o acoso escolar a través dunha historia chea de humor e reflexións sobre o respecto, o apoio mutuo e a diversidade; ou Historias para escagarriñarse, unha proposta de rúa para celebrar os 20 anos da compañía. O humor incomparable dos Ghazafelhos fai desta compañía unha das preferidas polo público familiar.