Antía Vázquez, Eloy Vidal e Pablo Castro forman Alana. Un proxecto musical que mestura a música tradicional con ritmos de base electrónica e pop. A proposta da banda parte das recollidas, un traballo feito coa colaboración de moitas mulleres que desinteresadamente contribúen a preservar a riqueza da música e da tradición. O xeito á cántigha é o seu primeiro disco. Nunha das recollidas de Dorothé Schubarth recompiladas no Cancioneiro Popular Galego Delfina de Cerceda explícalle á musicóloga como dar “o xeito á cántigha” nas melodías das muiñeiras e das xotas. Esa gravación de hai máis de 40 anos é a orixe que dá nome ao primeiro traballo da banda. Alana é un proxecto novo, diverso, cunha potente posta en escena e unha importante vinculación coa tradición e o baile. No seu primeiro ano de vida foron gañadores do Premio Xuventude Crea na categoría de música, gañadores do concurso de bandas do Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira, no que tiveron a ocasión de tocar en dous anos consecutivos, finalistas como mellor proxecto de folk nos Premios da música galega Martín Códax e semifinalistas como mellor album en galego nos Premios MIN. Alana ten compartido cartel con artistas como Rodrigo Cuevas ou Casapalma, o marcado estilo persoal da banda levounos a participar nas principais citas musicais galegas e tamén en programacións noutros lugares da península Ibérica.