Carmela é un proxecto musical que basea o seu repertorio na música de tradición oral galega, a través do canto e a percusión de man como elementos definitorios. Iniciando o traballo dende informantes e arquivos musicais, o obxectivo do proxecto é trasladar aos palcos a esencia destas melodías acompañadas dunha visión propia e actual, empregando non só criterios estéticos, senón outros vinculados coa análise musical e de contexto da música coa que se traballa, un achegamento que suma a investigación etnomusicolóxica coa interpretación e arranxo musical. Carmela utiliza a tradición como un ente flexible e moldeable que se adapta ao contexto musical actual a través de sons que viaxan dende as percusións ata referencias electrónicas. Un proxecto diferente no seu discurso tanto musical coma extramusical que posiciona a tradición oral e a perspectiva de xénero no centro.
Carmela é a visión musical da tradición oral de Carme López, proxecto que nace no 2022 subíndose aos palcos con diferentes propostas escénicas, e editando en novembro de 2024 o seu primeiro álbum: Vinde todas (editado coa discográfica Microscopi). A presentación deste disco confórmase cun directo en formato trío.