LONTRAS é unha banda viguesa formada por Juan Arca, Zalo Rodríguez e Sunil López. As súas referencias suxiren sonoridades pouco exploradas na escena contemporánea galega, serpeando nun código sonoro no que se respiran ecos que van desde Chico Buarque ou Rodrigo Amarante a Wilco ou Boards of Canada. Así, o imaxinario estético de Lontras resoa como unha curiosa xénese na que o jazz, a indietrónica, a canción ibérica, a música clásica contemporánea e o pop alternativo máis maduro se dan a man. Nas súas cancións, as evocadoras letras combínanse con harmonías sofisticadas e unha produción preciosista e rica en detalles, construíndo verdadeiras paisaxes sonoras que estimulan a imaxinación dos seus oíntes.
LONTRAS veñen de gravar Caras no lume, o seu primeiro disco, con produción da propia banda e publicado por Raso Estudio. Este primeiro traballo amosa unha liña similar a cantautores como Rodrigo Amarante ou Daniel Rossen, con composicións baseadas na guitarra e a voz potenciadas por unha produción rica en arranxos e sonoridades. Así, podemos atopar ecos de Radiohead en Cinco fiestras, a Tom Jobim nas cordas d’O principio de incerteza ou as paisaxes sonoras de The Books n’A terrible historia de Afonso Amoedo. O álbum foi gravado por Juanjo Abella en Garaxeland, mesturado por crnds (VVV [Trippin’ you], Caldo, Sandra Monfort) no estudio de Lindisfarne e masterizado por Alex Ferrer en The Groove.